lunes, 14 de mayo de 2012

Dos arquivos do trasno


A próxima escala na singradura literaria do noso Nautilus será na obra do rianxeiro RafaelDieste Dos arquivos do trasno, todo un clásico da narrativa galega do século XX.

Dieste foi o autor dunha obra multiforme e complexa que abrangue tódolos xéneros literarios e fai uso de dúas linguas de expresión. Como escritor en castelán pertence á Xeración do 27, coa que comparte inquedanzas ideolóxicas e estéticas. Como escritor en galego, inscríbese na chamada Xeración do 25 (ou do 22, segundo outras nomenclaturas), xunto con autores como Manoel Antonio (amigo e compinche de correrías literarias), Amado Carballo, Blanco Amor ou Bouza Brey.

Dos arquivos do trasno é a súa obra narrativa máis destacada en lingua galega. Trátase dunha recompilación de relatos breves de temática variada precedidos dun texto de estructura aforística no que o autor reflexiona sobre o xénero do conto. Nesta obra Dieste explora algúns dos temas máis característicos da literatura galega (a morte, a emigración, a miseria...) empregando técnicas narrativas baseadas na oralidade e na estilización dos materiais que configuran o texto literario. Con Dos arquivos do trasno, publicado por vez primeira no 1926, Dieste, como indica o crítico Rafael Conte, contribuíu decisivamente a modernizar a prosa de ficción galega, apartándoa da súa inclinación cara o costumbrismo ruralista.

O próximo mércores 16 de maio, víspera do Día das Letras Galegas, o Club de Lectura Nautilus rende homenaxe a unha das grandes figuras da nosa literatura.


No hay comentarios: