domingo, 3 de junio de 2012

Adiós, Hemingway


   
   Unha tormenta exhuma os restos dun cadáver en Finca Vigía, a propiedade de Ernest Hemingway en San Francisco de Paula, Cuba. Nas proximidades do corpo, aparece unha identificación do FBI. As autoridades cubanas deciden encargarlle o caso a Mario Conde, un antigo inspector de policía, agora dedicado á compravenda de libros de ocasión. Pouco a pouco, o detective vai tirando do fío e desentrañando un embrollo no que o propio Hemingway parece estar directamente implicado.
   Con Adiós Hemingway, o xornalista hispanocubano Leonardo Padura ofrece unha nova mostra de novela negra, dando fin (quen sabe se definitivo) á serie de relatos protagonizados polo investigador Mario Conde, nos que aporta unha visión realista e crítica da realidade cubana contemporánea.
   Neste relato, estruturado en dous planos narrativos paralelos, Padura esboza un retrato amargo da figura de Hemingway, desmitificando ao home de acción, corresponsal de guerra, boxeador e afeccionado aos toros e á caza maior, ao presentalo como un ancián prematuro debilitado polo alcohol e a enfermidade.
   Falaremos desta novela na reunión do próximo 20 de xuño, como sempre na biblioteca durante o recreo. A semana anterior, o mércores 13 de xuño, proxectaremos a película Tener y no tener, dirixida en 1944 por Howard Hawks, adaptación da obra do mesmo título de Ernest Hemingway.

No hay comentarios: