miércoles, 21 de noviembre de 2012

A miña planta de laranxa lima


Zarpa o Nautilus nunha nova travesía, desta volta chea de novidades: nova tripulación, nova estrutura, novos horarios.

A nosa primeira escala será un clásico da literatura en lingua portuguesa: A miña planta de laranxa lima, de José Mauro de Vasconcelos, un dos novelistas de maior éxito e difusión da narrativa brasileira do século XX.

Conta a historia de Zezé, un neno que medra na pobreza dos suburbios do Brasil máis marxinado. Hai moito de novela social nesta obra, de reflexo realista dos sectores máis desfavorecidos dunha sociedade en expansión. Pero tamén hai moito de poesía, de algo que se asemella á visión integradora do realismo máxico da narrativa hispanoamericana. De feito, hai quen considera que A miña planta de laranxa lima é unha versión, transladada a outro espazo e outro tempo, dunha historia, a de O Principiño, de Saint-Exupéry, cargada de lirismo.

José Mauro de Vasconcelos elaborou esta novela en tan só doce días, reflexando nela as súas vivencias infantís nos barrios pobres de Río de Janeiro. A solidariedade cos que menos teñen, o reflexo da dignidade dos desfavorecidos e o amor á natureza, son tres aspectos da súa produción literaria que poderemos apreciar nesta lectura.



O próximo xoves 13 de decembro ás catro da tarde comeza a tempada de literatura e cine no I.E.S. Fernando Blanco.

No hay comentarios: