lunes, 12 de marzo de 2012

Homenaxe a Dickens


Neste ano 2012 cúmprese o segundo centenario do nacemento dunha das figuras máis relevantes da historia da literatura universal: Charles Dickens. No Club de Lectura Nautilus decidimos, a xeito de homenaxe, dedicarlle a este autor varias das nosas sesións de literatura e cine entre amigos.

Nestes momentos estamos a ler e comentar Historias de fantasmas, unha recompilación de textos que recolle o máis salientable da produción do autor británico no eido da literatura fantástica e de terror. Dickens escribiu moitos relatos acerca de experiencias sobrenaturais. Como fiel cronista do seu tempo, recolle neles a tradición victoriana da literatura fantasmagórica, moi en voga nunha época na que a credulidade e a superchería formaban parte das experiencias vitais dos súbditos da raíña Victoria. Os lectores devecían por pasar medo a través das páxinas dos libros, e Dickens, sempre atento ás demandas do seu público, contribuiu ao enriquecemento dun xénero, o da ghost story, moi próximo á sensibilidade británica.

Asimesmo, na próxima sesión de Cine na Biblioteca, reunirémonos para ver e comentar Historia de dúas cidades, unha adaptación da novela de Dickens do mesmo título que o norteamericano Jack Conway filmou en 1935 para David O. Selznick, no período de máximo esplendor da Metro Goldwyn Mayer. Esta superproducción de Hollywood, que recibiu o Oscar á mellor película en 1936, combina habilmente o espectacular e o intimista para contar con eficacia unha fermosa historia de amor ambientada en París e Londres, as dúas cidades do título, nos inicios da revolución francesa.

Anotade na vosa axenda as nosas próximas citas:

  • O vindeiro mércores 14 de marzo, ás catro da tarde, proxección de Historia de dúas cidades e posterior coloquio.

  • O mércores 21 de marzo, no recreo, reunión do Club de Lectura para comentar o segundo bloque de relatos de Historias de fantasmas.


1 comentario:

Anónimo dijo...

Que bonito acabar coma un heroe... Un minuto final pode volver de miles de cores unha existencia en branco e negro.