lunes, 9 de abril de 2012

Tabucchi


Afirmaba Tabucchi que a primeira vez que entrou en contacto coa cultura portuguesa foi a través do achádego casual, nun banco da Gare de Lyon, dun exemplar da tradución francesa dos poemas de Álvaro de Campos. A lectura de Tabacaria deixouno tan absolutamente abraiado que decidiu dedicar a súa vida a profundar no estudo de Pessoa e a súa esquizofrénica prole de heterónimos.

Así, este pisano nacido na voráxine da Italia fascista, en plena segunda guerra mundial, acabou convertido no máis portugués dos escritores italianos. Profesor de lingua e literatura portuguesa, especialista nas vangardas literarias lusas, director do Instituto Italiano de Cultura en Lisboa..., todos os camiños profesionais e académicos seguidos por Tabucchi están relacionados co gran amor da súa vida: Portugal.

Como escritor, foi unha das figuras máis internacionais das letras italianas. Traducido a 40 idiomas, este exiliado sentimental sempre se mostrou comprometido co seu tempo e adoptou nos seus escritos unha actitude marcadamente crítica coa situación política dun país, o seu, no que se sentía, como a el lle gustaba dicir, un pouco “fóra de xogo”. Títulos como Sostiene Pereira, La testa perduta di Damasceno Monteiro ou Notturno Indiano, grandes éxitos de crítica e de público lector, contribuíron a convertelo nun dos referentes da literatura europea contemporánea.

Tabucchi morreu o pasado 25 de marzo na súa casa de Lisboa. Desde o Club de Lectura Nautilus queremos renderlle homenaxe coa proxección de Sostiene Pereira, a versión cinematográfica da novela do mesmo título que en 1996 dirixiu Roberto Faenza, con Marcelo Mastroianni como actor principal. Nela asistiremos á transformación persoal dun vello xornalista encargado da páxina cultural dun xornal conservador no Portugal salazarista.

Non vos esquezades: o próximo mércores 11 de abril, como sempre ás 4 da tarde, cine na biblioteca do Fernando Blanco.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Que gran historia van facendo as historias pequenas... É unha pelicula agradable.