viernes, 20 de abril de 2012

Poesía no Nautilus


O pasado mércores 18 de abril reuniuse a tripulación do Nautilus para falar de poesía. O pretexto foi a lectura de Versos escollidos, unha antoloxía que recolle o máis salientable da traxectoria poética da autora polaca Wislawa Szimborska, recentemente falecida.

Szymborska é unha das grandes voces da poesía do século XX. Cun discurso poético pragado de ironía, tentou sempre de fuxir, como manifestou nalgunha ocasión, “das grandes palabras”, creando unha poesía directa, impregnada de emoción e de reflexión por momentos metafísica.

A concesión do premio Nobel en 1996 foi para esta muller humilde, unha auténtica “catástrofe” que alterou para sempre a súa modesta existencia. Aínda así, continuou vivindo no seu pequeno piso de Cracovia, no que nunca faltaban os bombóns e o brandy para agasallar ás visitas, ata a súa morte, o pasado 1 de febreiro.

Co sentido do humor que sempre a caracterizou, Szymborska deixou escrito o seu propio epitafio:


Aquí xace, antiga como a coma

a autora dun par de versos. Eterno descanso

tivo a ben agasallarlle a súa terra, a pesar de que a defunta

non pertenceu a ningún grupo literario.”

No hay comentarios: