jueves, 24 de enero de 2013

Sin noticias de Gurb


     Durante o verán de 1990, o diario El País publicou por entregas a curiosa historia dun extraterrestre que deambula polas rúas da Barcelona preolímpica en busca dun conxénere perdido. A narración, titulada Sin noticias de Gurb, apareceu en forma de libro en 1991.

     O seu autor, Eduardo Mendoza, é unha das figuras máis relevantes da narrativa española contemporánea. Saltou á fama en 1975 coa súa primeira novela, La verdad sobre el caso Savolta, un retrato de complexa estrutura da burguesía industrial da Barcelona de posguerra. Iniciou posteriormente unha liña de literatura humorística que parodia o xénero da novela policiaca cun conxunto de relatos sobre as peripecias dun detective anónimo internado nun manicomio. A serie, que se iniciou en 1979 con El misterio de la cripta embrujada, consta de catro novelas, a última das cales, El enredo de la bolsa y la vida, se publicou o pasado 2012. Unha das súas obras máis destacadas é La ciudad de los prodigios, incursión de Mendoza no eido da novela histórica, considerada por algúns como unha das mellores novelas españolas do século XX. En 2010 obtivo o premio Planeta con Riña de gatos. Madrid 1936.

     Sin noticias de Gurb é unha mostra moi representativa da vertente satírica da obra de Eduardo Mendoza. Nela percíbese con claridade a tendencia de toda a súa narrativa ao retrato costumbrista da realidade contemporánea, nesta ocasión dándolle un xiro ao tópico do choque de culturas ao mostrar a sociedade barcelonesa a través dos ollos dun extraterrestre.

     Lembrade: o xoves 7 de setembro, durante o recreo, reunión do Club de lectura Nautilus para falar desta divertida novela de Eduardo Mendoza


No hay comentarios: