jueves, 9 de mayo de 2013

Crónicas marcianas


 O pasado 5 de xuño morría en California un dos máis universais escritores norteamericanos: Ray Bradbury. A pesar de que cultivou todos os xéneros en diversos ámbitos temáticos (fantasía, misterio, terror...) pasou á historia como un dos máis destacados autores no eido da ciencia ficción, sobre todo a partir da publicación das súas Crónicas marcianas e a ficción distópica Farenheit 451.

Bradbury practicou unha escritura poética, fondamente cargada dun lirismo que indaga no máis profundo da condición humana. Por moi distantes que nos parezan as súas tramas, sempre ofrecen ao lector algún conflicto moral que cuestiona aspectos da nosa humanidade. Non en balde, a primeira monografía extensa sobre o autor que se publicou en español (obra do escritor e cineasta José Luis Garci) leva o título revelador de Ray Bradbury, humanista del futuro.

No Club de lectura Nautilus imos ler e comentar as citadas Crónicas marcianas, unha colección de relatos breves que teñen en común a súa ambientación no planeta vermello, co trasfondo da súa colonización por parte dos seres humanos. Jorge Luis Borges, que elaborou un dos seus magníficos prólogos para a tradución ao español da obra, escribe: “¿Qué ha hecho este hombre de Illinois, me pregunto, al cerrar las páginas de su libro, para que episodios de la conquista de otro planeta me pueblen de terror y de soledad? ¿Cómo pueden tocarme estas fantasías y de una manera tan íntima?”


Lembrade, o xoves 23 de maio no recreo, viaxamos no tempo e no espazo con Ray Bradbury.


No hay comentarios: