lunes, 10 de junio de 2013

Buenos días, tristeza


En 1954, unha adolescente chamada Françoise Quoirez publicaba, baixo o pseudónimo proustiano de Françoise Sagan, a súa primeira novela: Bonjour, tristesse.

Nela, unha rapaza de dezasete anos, trasunto da autora, narra en primeira persoa os aconteceres dun lánguido verán pasado na compaña do seu pai viúvo nunha vila costeira do Mediterráneo. Cécile vese na tesitura de ter que compartir ao seu proxenitor, un donxoán empedernido que se preza de bon vivant, con dúas mulleres: Elsa, a amante que o pai ten en ese momento, e Anne, unha antiga amiga da súa finada nai. Esta última resulta ser unha muller refinada, elegante e manipuladora que pretende controlar de xeito decisivo todos os aspectos da vida de Cécile.

Bonjour tristesse é unha novela luminosa, con moito de autobiográfico, escrita por unha muller que tratou de exprimir a vida ao máximo ata o último instante. Tras unha vida de luxo e desenfreo, de amoríos, alcohol e drogas, unha embolia pulmonar acabou coa vida de Françoise Sagan no 2004. Tras de si deixou unha obra literaria e cinematográfica breve pero intensa que a sitúa nun posto moi destacado da cultura francesa do século XX.

O xoves 20 de xuño o Nautilus mergúllase por derradeira vez este curso para abordar o comentario desta novela. Coma sempre, vémonos na biblioteca durante o recreo.

No hay comentarios: