Mostrando entradas con la etiqueta Raymond Carver. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Raymond Carver. Mostrar todas las entradas

viernes, 6 de enero de 2012

Vidas cruzadas: comeza o cine na biblioteca


Despois da lectura de De qué hablamos cuando hablamos de amor, comeza a tempada de cine na biblioteca coa proxección do filme Vidas cruzadas, no que o director Robert Altman ofrece a súa particular visión do universo literario de Raymond Carver. Aos que lestes a obra resultaranvos familiares varias das liñas argumentais desta película coral, considerada por algúns críticos como unha das mellores produccións cinematográficas da década dos noventa do pasado século.

Non o esquezades: tedes unha cita o vindeiro mércores 11 de xaneiro ás catro da tarde na biblioteca para disfrutar dunha boa peli e dunha charla entre amigos que seguro que será moi interesante.

Feliz bicentenario de Dickens a todos!

lunes, 14 de noviembre de 2011

O Club de Lectura Nautilus le a Raymond Carver


Este curso, o club Nautilus comeza a súa singradura coa lectura da obra De qué hablamos cuando hablamos de amor, do norteamericano Raymond Carver, un dos mestres do relato breve. Seguindo o ronsel de clásicos do xénero como Chejov ou Maupassant, Carver presenta nas súas historias un mundo inzado de personaxes solitarios que se enfrontan ás miserias da existencia cotiá. A literatura de Carver, que tivo unha influencia decisiva na narrativa norteamericana do século XX, foi caracterizada como “minimalista” e inscrita polos teóricos na corrente do chamado “realismo sucio”. Pero máis alá de calquera taxonomía literaria, estamos ante un autor singular, cun mundo narrativo propio, que deixou unha fonda pegada na literatura contemporánea.

A recompilación de contos que imos ler non está exenta de polémica. Parece ser que (como, por outra parte, ten acontecido en algúns outros casos na historia da literatura) na forma definitiva das historias tivo moito que ver unha man allea á do autor: neste caso, a do primeiro editor do libro, Gordon Lish, que fixo modificacións decisivas nos textos orixinais de Carver. A edición primitiva da obra, tal como foi concibida polo autor, foi recentemente publicada por Anagrama co título de Principiantes. O escritor italiano Alessandro Baricco foi un dos primeiros en chamar a atención sobre a intervención de Lish na configuración da obra. Non vos perdades o seu suxestivo artigo “O home que reescribía a Carver”, no que conta o proceso de investigación que o levou a facer ese descubrimento.

Se tedes curiosidade e queredes saber máis sobre a figura de Raymond Carver, botádelle unha ollada á entrevista que concedeu no ano 1983 á revista Paris Review, na que fala sobre a súa vida e a súa concepción do oficio literario.