Mostrando entradas con la etiqueta 2012-2013. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta 2012-2013. Mostrar todas las entradas

lunes, 10 de junio de 2013

Buenos días, tristeza


En 1954, unha adolescente chamada Françoise Quoirez publicaba, baixo o pseudónimo proustiano de Françoise Sagan, a súa primeira novela: Bonjour, tristesse.

Nela, unha rapaza de dezasete anos, trasunto da autora, narra en primeira persoa os aconteceres dun lánguido verán pasado na compaña do seu pai viúvo nunha vila costeira do Mediterráneo. Cécile vese na tesitura de ter que compartir ao seu proxenitor, un donxoán empedernido que se preza de bon vivant, con dúas mulleres: Elsa, a amante que o pai ten en ese momento, e Anne, unha antiga amiga da súa finada nai. Esta última resulta ser unha muller refinada, elegante e manipuladora que pretende controlar de xeito decisivo todos os aspectos da vida de Cécile.

Bonjour tristesse é unha novela luminosa, con moito de autobiográfico, escrita por unha muller que tratou de exprimir a vida ao máximo ata o último instante. Tras unha vida de luxo e desenfreo, de amoríos, alcohol e drogas, unha embolia pulmonar acabou coa vida de Françoise Sagan no 2004. Tras de si deixou unha obra literaria e cinematográfica breve pero intensa que a sitúa nun posto moi destacado da cultura francesa do século XX.

O xoves 20 de xuño o Nautilus mergúllase por derradeira vez este curso para abordar o comentario desta novela. Coma sempre, vémonos na biblioteca durante o recreo.

jueves, 9 de mayo de 2013

Crónicas marcianas


 O pasado 5 de xuño morría en California un dos máis universais escritores norteamericanos: Ray Bradbury. A pesar de que cultivou todos os xéneros en diversos ámbitos temáticos (fantasía, misterio, terror...) pasou á historia como un dos máis destacados autores no eido da ciencia ficción, sobre todo a partir da publicación das súas Crónicas marcianas e a ficción distópica Farenheit 451.

Bradbury practicou unha escritura poética, fondamente cargada dun lirismo que indaga no máis profundo da condición humana. Por moi distantes que nos parezan as súas tramas, sempre ofrecen ao lector algún conflicto moral que cuestiona aspectos da nosa humanidade. Non en balde, a primeira monografía extensa sobre o autor que se publicou en español (obra do escritor e cineasta José Luis Garci) leva o título revelador de Ray Bradbury, humanista del futuro.

No Club de lectura Nautilus imos ler e comentar as citadas Crónicas marcianas, unha colección de relatos breves que teñen en común a súa ambientación no planeta vermello, co trasfondo da súa colonización por parte dos seres humanos. Jorge Luis Borges, que elaborou un dos seus magníficos prólogos para a tradución ao español da obra, escribe: “¿Qué ha hecho este hombre de Illinois, me pregunto, al cerrar las páginas de su libro, para que episodios de la conquista de otro planeta me pueblen de terror y de soledad? ¿Cómo pueden tocarme estas fantasías y de una manera tan íntima?”


Lembrade, o xoves 23 de maio no recreo, viaxamos no tempo e no espazo con Ray Bradbury.


viernes, 19 de abril de 2013

Luna nueva



O mércores 17 de abril proxectouse, dentro da programación de “Cine na Biblioteca” a fita de Howard Hawks Luna nueva (1941), unha divertidísima comedia ambientada no mundo do xornalismo. 

Hawks adaptou nesta película a peza teatral de Ben Hetch e Charles McArthur The Front Page, que xa fora levada á pantalla en 1931 por Lewis Milestone. Sen embargo, Luna nueva aporta unha visión distinta desta obra ao converter en muller ao personaxe principal (na película interpretado por unha xenial Rosalind Russell) e converter unha comedia sobre os límites da moralidade xornalística nunha auténtica guerra de sexos, terreo no que Howard Hawks se movia como peixe na auga. Anos despois, Billy Wilder elaborou unha nova versión co título de Primera plana, con Jack Lemmon e Walter Matthau como protagonistas.

Luna nueva é unha comedia de ritmo vertixinoso, con rapidísimos diálogos que non dan respiro ao espectador. Un prodixio de fluidez dirixido con man experta por quen foi un dos máis destacados directores do Hollywood clásico.

jueves, 24 de enero de 2013

Sin noticias de Gurb


     Durante o verán de 1990, o diario El País publicou por entregas a curiosa historia dun extraterrestre que deambula polas rúas da Barcelona preolímpica en busca dun conxénere perdido. A narración, titulada Sin noticias de Gurb, apareceu en forma de libro en 1991.

     O seu autor, Eduardo Mendoza, é unha das figuras máis relevantes da narrativa española contemporánea. Saltou á fama en 1975 coa súa primeira novela, La verdad sobre el caso Savolta, un retrato de complexa estrutura da burguesía industrial da Barcelona de posguerra. Iniciou posteriormente unha liña de literatura humorística que parodia o xénero da novela policiaca cun conxunto de relatos sobre as peripecias dun detective anónimo internado nun manicomio. A serie, que se iniciou en 1979 con El misterio de la cripta embrujada, consta de catro novelas, a última das cales, El enredo de la bolsa y la vida, se publicou o pasado 2012. Unha das súas obras máis destacadas é La ciudad de los prodigios, incursión de Mendoza no eido da novela histórica, considerada por algúns como unha das mellores novelas españolas do século XX. En 2010 obtivo o premio Planeta con Riña de gatos. Madrid 1936.

     Sin noticias de Gurb é unha mostra moi representativa da vertente satírica da obra de Eduardo Mendoza. Nela percíbese con claridade a tendencia de toda a súa narrativa ao retrato costumbrista da realidade contemporánea, nesta ocasión dándolle un xiro ao tópico do choque de culturas ao mostrar a sociedade barcelonesa a través dos ollos dun extraterrestre.

     Lembrade: o xoves 7 de setembro, durante o recreo, reunión do Club de lectura Nautilus para falar desta divertida novela de Eduardo Mendoza


miércoles, 21 de noviembre de 2012

A miña planta de laranxa lima


Zarpa o Nautilus nunha nova travesía, desta volta chea de novidades: nova tripulación, nova estrutura, novos horarios.

A nosa primeira escala será un clásico da literatura en lingua portuguesa: A miña planta de laranxa lima, de José Mauro de Vasconcelos, un dos novelistas de maior éxito e difusión da narrativa brasileira do século XX.

Conta a historia de Zezé, un neno que medra na pobreza dos suburbios do Brasil máis marxinado. Hai moito de novela social nesta obra, de reflexo realista dos sectores máis desfavorecidos dunha sociedade en expansión. Pero tamén hai moito de poesía, de algo que se asemella á visión integradora do realismo máxico da narrativa hispanoamericana. De feito, hai quen considera que A miña planta de laranxa lima é unha versión, transladada a outro espazo e outro tempo, dunha historia, a de O Principiño, de Saint-Exupéry, cargada de lirismo.

José Mauro de Vasconcelos elaborou esta novela en tan só doce días, reflexando nela as súas vivencias infantís nos barrios pobres de Río de Janeiro. A solidariedade cos que menos teñen, o reflexo da dignidade dos desfavorecidos e o amor á natureza, son tres aspectos da súa produción literaria que poderemos apreciar nesta lectura.



O próximo xoves 13 de decembro ás catro da tarde comeza a tempada de literatura e cine no I.E.S. Fernando Blanco.