Mostrando entradas con la etiqueta teatro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta teatro. Mostrar todas las entradas

miércoles, 20 de febrero de 2013

Cuatro corazones con freno y marcha atrás

   O xoves 14 de febreiro comezou o ciclo de cine na biblioteca coa proxección da versión que para o programa Estudio 1 dirixiu Gustavo Pérez Puig da obra de Jardiel Poncela Cuatro corazones con freno y marcha atrás.
   Nesta peza, unha das máis representadas do seu autor, Jardiel leva ao seu extremo a exploración do mundo do inverosímil, moi presente en toda a súa produción, ao presentarnos a un grupo de personaxes que teñen que enfrontarse ás consecuencias da súa decisión de ser inmortais, cos enrededos que isto supón.
   Trátase dunha obra chea de frases inxeniosas, situacións extravagantes, diálogos chispeantes e personaxes pintorescos, rasgos todos eles dunha dramaturxia que, por orixinal e rompedora, non foi demasiado ben entendida no seu tempo. Jardiel Poncela mantivo unha guerra continua coa censura e a crítica, que vía na súa obra un ataque á concepción tradicional da escena cómica, dominada a principios do século XX pola sátira costumbrista e a amabilidade da comedia burguesa benaventina. De feito, tras unha época de certo éxito e, incluso, unha etapa como guionista en Hollywood, Jardiel acabou os seus días arruinado e olvidado.
   Na actualidade, é considerado como un dos dramaturgos máis renovadores do seu tempo e as súas obras están volvendo a representarse con regularidade.

lunes, 30 de abril de 2012

La dama del alba


Alejandro Casona pertence por idade (aínda que non tanto por estética) á Xeración do 27. Comezou a súa carreira como dramaturgo con La sirena varada, obra coa que obtivo en 1933 o premio Lope de Vega, o que lle permitiu acadar un certo prestixio entre o público e a crítica. Comprometido coa causa republicana, participou activamente das súas actividades de promoción cultural, difundindo os clásicos do teatro español a través do proxecto das Misións Pedagóxicas.

A Guerra Civil truncou a súa carreira, levándoo ao exilio en Arxentina, no que desenvolveu unha dramaturxia continuísta co seu traballo de preguerra, absolutamente descontextualizada. Non regresará a España ata a década dos sesenta, sendo acollido con afecto e interese polos espectadores. Unha parte da crítica, sen embargo, acusou o seu teatro de escapismo, de afastamento da realidade sociohistórica de España, de estancamento estético fronte ás novidades formais que se viñan consolidando nos escenarios desde o final da guerra.

Alejandro Casona consideraba La dama del alba como a mellor das súas creacións. Trátase dun drama poético, ambientado na Asturias natal do autor, na que a morte, personificada na figura dunha fermosa muller, actúa beneficamente para restituír o equilibrio nunha familia humilde rota pola traxedia. O próximo mércores 2 de maio o Club de Lectura Nautilus reunirase, como sempre, no recreo, para falar sobre esta obra, que algúns poñen en relación co mundo poético e mítico de Federico García Lorca.

No ano 1989, Gustavo Pérez Puig dirixiu para o programa Primera Función, de TVE, unha adaptación filmada da obra, que poderemos ver, dentro do ciclo de Cine na Biblioteca o mércores 9 de maio a partir das catro da tarde.