Mostrando entradas con la etiqueta 2011-2012. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta 2011-2012. Mostrar todas las entradas

domingo, 3 de junio de 2012

Adiós, Hemingway


   
   Unha tormenta exhuma os restos dun cadáver en Finca Vigía, a propiedade de Ernest Hemingway en San Francisco de Paula, Cuba. Nas proximidades do corpo, aparece unha identificación do FBI. As autoridades cubanas deciden encargarlle o caso a Mario Conde, un antigo inspector de policía, agora dedicado á compravenda de libros de ocasión. Pouco a pouco, o detective vai tirando do fío e desentrañando un embrollo no que o propio Hemingway parece estar directamente implicado.
   Con Adiós Hemingway, o xornalista hispanocubano Leonardo Padura ofrece unha nova mostra de novela negra, dando fin (quen sabe se definitivo) á serie de relatos protagonizados polo investigador Mario Conde, nos que aporta unha visión realista e crítica da realidade cubana contemporánea.
   Neste relato, estruturado en dous planos narrativos paralelos, Padura esboza un retrato amargo da figura de Hemingway, desmitificando ao home de acción, corresponsal de guerra, boxeador e afeccionado aos toros e á caza maior, ao presentalo como un ancián prematuro debilitado polo alcohol e a enfermidade.
   Falaremos desta novela na reunión do próximo 20 de xuño, como sempre na biblioteca durante o recreo. A semana anterior, o mércores 13 de xuño, proxectaremos a película Tener y no tener, dirixida en 1944 por Howard Hawks, adaptación da obra do mesmo título de Ernest Hemingway.

lunes, 14 de mayo de 2012

Dos arquivos do trasno


A próxima escala na singradura literaria do noso Nautilus será na obra do rianxeiro RafaelDieste Dos arquivos do trasno, todo un clásico da narrativa galega do século XX.

Dieste foi o autor dunha obra multiforme e complexa que abrangue tódolos xéneros literarios e fai uso de dúas linguas de expresión. Como escritor en castelán pertence á Xeración do 27, coa que comparte inquedanzas ideolóxicas e estéticas. Como escritor en galego, inscríbese na chamada Xeración do 25 (ou do 22, segundo outras nomenclaturas), xunto con autores como Manoel Antonio (amigo e compinche de correrías literarias), Amado Carballo, Blanco Amor ou Bouza Brey.

Dos arquivos do trasno é a súa obra narrativa máis destacada en lingua galega. Trátase dunha recompilación de relatos breves de temática variada precedidos dun texto de estructura aforística no que o autor reflexiona sobre o xénero do conto. Nesta obra Dieste explora algúns dos temas máis característicos da literatura galega (a morte, a emigración, a miseria...) empregando técnicas narrativas baseadas na oralidade e na estilización dos materiais que configuran o texto literario. Con Dos arquivos do trasno, publicado por vez primeira no 1926, Dieste, como indica o crítico Rafael Conte, contribuíu decisivamente a modernizar a prosa de ficción galega, apartándoa da súa inclinación cara o costumbrismo ruralista.

O próximo mércores 16 de maio, víspera do Día das Letras Galegas, o Club de Lectura Nautilus rende homenaxe a unha das grandes figuras da nosa literatura.


lunes, 30 de abril de 2012

La dama del alba


Alejandro Casona pertence por idade (aínda que non tanto por estética) á Xeración do 27. Comezou a súa carreira como dramaturgo con La sirena varada, obra coa que obtivo en 1933 o premio Lope de Vega, o que lle permitiu acadar un certo prestixio entre o público e a crítica. Comprometido coa causa republicana, participou activamente das súas actividades de promoción cultural, difundindo os clásicos do teatro español a través do proxecto das Misións Pedagóxicas.

A Guerra Civil truncou a súa carreira, levándoo ao exilio en Arxentina, no que desenvolveu unha dramaturxia continuísta co seu traballo de preguerra, absolutamente descontextualizada. Non regresará a España ata a década dos sesenta, sendo acollido con afecto e interese polos espectadores. Unha parte da crítica, sen embargo, acusou o seu teatro de escapismo, de afastamento da realidade sociohistórica de España, de estancamento estético fronte ás novidades formais que se viñan consolidando nos escenarios desde o final da guerra.

Alejandro Casona consideraba La dama del alba como a mellor das súas creacións. Trátase dun drama poético, ambientado na Asturias natal do autor, na que a morte, personificada na figura dunha fermosa muller, actúa beneficamente para restituír o equilibrio nunha familia humilde rota pola traxedia. O próximo mércores 2 de maio o Club de Lectura Nautilus reunirase, como sempre, no recreo, para falar sobre esta obra, que algúns poñen en relación co mundo poético e mítico de Federico García Lorca.

No ano 1989, Gustavo Pérez Puig dirixiu para o programa Primera Función, de TVE, unha adaptación filmada da obra, que poderemos ver, dentro do ciclo de Cine na Biblioteca o mércores 9 de maio a partir das catro da tarde.

viernes, 20 de abril de 2012

Poesía no Nautilus


O pasado mércores 18 de abril reuniuse a tripulación do Nautilus para falar de poesía. O pretexto foi a lectura de Versos escollidos, unha antoloxía que recolle o máis salientable da traxectoria poética da autora polaca Wislawa Szimborska, recentemente falecida.

Szymborska é unha das grandes voces da poesía do século XX. Cun discurso poético pragado de ironía, tentou sempre de fuxir, como manifestou nalgunha ocasión, “das grandes palabras”, creando unha poesía directa, impregnada de emoción e de reflexión por momentos metafísica.

A concesión do premio Nobel en 1996 foi para esta muller humilde, unha auténtica “catástrofe” que alterou para sempre a súa modesta existencia. Aínda así, continuou vivindo no seu pequeno piso de Cracovia, no que nunca faltaban os bombóns e o brandy para agasallar ás visitas, ata a súa morte, o pasado 1 de febreiro.

Co sentido do humor que sempre a caracterizou, Szymborska deixou escrito o seu propio epitafio:


Aquí xace, antiga como a coma

a autora dun par de versos. Eterno descanso

tivo a ben agasallarlle a súa terra, a pesar de que a defunta

non pertenceu a ningún grupo literario.”

lunes, 9 de abril de 2012

Tabucchi


Afirmaba Tabucchi que a primeira vez que entrou en contacto coa cultura portuguesa foi a través do achádego casual, nun banco da Gare de Lyon, dun exemplar da tradución francesa dos poemas de Álvaro de Campos. A lectura de Tabacaria deixouno tan absolutamente abraiado que decidiu dedicar a súa vida a profundar no estudo de Pessoa e a súa esquizofrénica prole de heterónimos.

Así, este pisano nacido na voráxine da Italia fascista, en plena segunda guerra mundial, acabou convertido no máis portugués dos escritores italianos. Profesor de lingua e literatura portuguesa, especialista nas vangardas literarias lusas, director do Instituto Italiano de Cultura en Lisboa..., todos os camiños profesionais e académicos seguidos por Tabucchi están relacionados co gran amor da súa vida: Portugal.

Como escritor, foi unha das figuras máis internacionais das letras italianas. Traducido a 40 idiomas, este exiliado sentimental sempre se mostrou comprometido co seu tempo e adoptou nos seus escritos unha actitude marcadamente crítica coa situación política dun país, o seu, no que se sentía, como a el lle gustaba dicir, un pouco “fóra de xogo”. Títulos como Sostiene Pereira, La testa perduta di Damasceno Monteiro ou Notturno Indiano, grandes éxitos de crítica e de público lector, contribuíron a convertelo nun dos referentes da literatura europea contemporánea.

Tabucchi morreu o pasado 25 de marzo na súa casa de Lisboa. Desde o Club de Lectura Nautilus queremos renderlle homenaxe coa proxección de Sostiene Pereira, a versión cinematográfica da novela do mesmo título que en 1996 dirixiu Roberto Faenza, con Marcelo Mastroianni como actor principal. Nela asistiremos á transformación persoal dun vello xornalista encargado da páxina cultural dun xornal conservador no Portugal salazarista.

Non vos esquezades: o próximo mércores 11 de abril, como sempre ás 4 da tarde, cine na biblioteca do Fernando Blanco.

lunes, 12 de marzo de 2012

Homenaxe a Dickens


Neste ano 2012 cúmprese o segundo centenario do nacemento dunha das figuras máis relevantes da historia da literatura universal: Charles Dickens. No Club de Lectura Nautilus decidimos, a xeito de homenaxe, dedicarlle a este autor varias das nosas sesións de literatura e cine entre amigos.

Nestes momentos estamos a ler e comentar Historias de fantasmas, unha recompilación de textos que recolle o máis salientable da produción do autor británico no eido da literatura fantástica e de terror. Dickens escribiu moitos relatos acerca de experiencias sobrenaturais. Como fiel cronista do seu tempo, recolle neles a tradición victoriana da literatura fantasmagórica, moi en voga nunha época na que a credulidade e a superchería formaban parte das experiencias vitais dos súbditos da raíña Victoria. Os lectores devecían por pasar medo a través das páxinas dos libros, e Dickens, sempre atento ás demandas do seu público, contribuiu ao enriquecemento dun xénero, o da ghost story, moi próximo á sensibilidade británica.

Asimesmo, na próxima sesión de Cine na Biblioteca, reunirémonos para ver e comentar Historia de dúas cidades, unha adaptación da novela de Dickens do mesmo título que o norteamericano Jack Conway filmou en 1935 para David O. Selznick, no período de máximo esplendor da Metro Goldwyn Mayer. Esta superproducción de Hollywood, que recibiu o Oscar á mellor película en 1936, combina habilmente o espectacular e o intimista para contar con eficacia unha fermosa historia de amor ambientada en París e Londres, as dúas cidades do título, nos inicios da revolución francesa.

Anotade na vosa axenda as nosas próximas citas:

  • O vindeiro mércores 14 de marzo, ás catro da tarde, proxección de Historia de dúas cidades e posterior coloquio.

  • O mércores 21 de marzo, no recreo, reunión do Club de Lectura para comentar o segundo bloque de relatos de Historias de fantasmas.


lunes, 6 de febrero de 2012

El hijo de la novia

Continuamos as sesións de cine na biblioteca coa proxección da película El hijo de la novia, de Juan José Campanella, unha conmovedora historia en clave de comedia dramática sobre como se derruba a existencia dun home absorbido polo seu traballo. Un espléndido Ricardo Darín interpreta a Rafael, dono dun restaurante, que non é quen de atopar tempo para dedicarlle aos seus nin a si mesmo. Pero as circunstancias acabarán por facer que se replantee as súas preferencias na vida.



Incidentalmente, nunha das súas tramas secundarias, o filme aborda a cuestión do mal de Alzheimer, co que continuamos pola senda temática iniciada no club coa lectura de Arrugas, de Paco Roca.


Lembrade: o vindeiro mércores 8 de febreiro, ás catro, sesión de tarde na biblioteca.

viernes, 13 de enero de 2012

Arrugas


O Nautilus fai escala por vez primeira no xénero da banda deseñada coa lectura de Arrugas, de Paco Roca, unha aproximación chea de humor e sensibilidade ao mundo do Alzheimer e a demencia senil.

Cun tratamento da imaxe baseado no grafismo de liña clara, ao máis puro estilo europeo clásico, o autor reflexiona sobre o papel que a sociedade actual lle ten reservado aos anciáns e enfermos e sobre o drama individual que supón a perda da propia identidade.

A fluidez narrativa e o coidadoso xogo cos puntos de vista, que permite ao lector compartir a visión do mundo dos personaxes, son dúas das principais bazas desta obra que acadou o Premio Nacional de Cómic no 2008.

O próximo 27 de xaneiro estrenarase a versión cinematográfica, que foi preseleccionada aos Oscars na categoría de mellor película de animación e acaba de ser nominada nos Premios Goya deste ano nas seccións de mellor guión adaptado e mellor filme animado.

Vémonos o próximo mércores 18 de xaneiro no recreo para falar desta obra.

viernes, 6 de enero de 2012

Vidas cruzadas: comeza o cine na biblioteca


Despois da lectura de De qué hablamos cuando hablamos de amor, comeza a tempada de cine na biblioteca coa proxección do filme Vidas cruzadas, no que o director Robert Altman ofrece a súa particular visión do universo literario de Raymond Carver. Aos que lestes a obra resultaranvos familiares varias das liñas argumentais desta película coral, considerada por algúns críticos como unha das mellores produccións cinematográficas da década dos noventa do pasado século.

Non o esquezades: tedes unha cita o vindeiro mércores 11 de xaneiro ás catro da tarde na biblioteca para disfrutar dunha boa peli e dunha charla entre amigos que seguro que será moi interesante.

Feliz bicentenario de Dickens a todos!

lunes, 14 de noviembre de 2011

O Club de Lectura Nautilus le a Raymond Carver


Este curso, o club Nautilus comeza a súa singradura coa lectura da obra De qué hablamos cuando hablamos de amor, do norteamericano Raymond Carver, un dos mestres do relato breve. Seguindo o ronsel de clásicos do xénero como Chejov ou Maupassant, Carver presenta nas súas historias un mundo inzado de personaxes solitarios que se enfrontan ás miserias da existencia cotiá. A literatura de Carver, que tivo unha influencia decisiva na narrativa norteamericana do século XX, foi caracterizada como “minimalista” e inscrita polos teóricos na corrente do chamado “realismo sucio”. Pero máis alá de calquera taxonomía literaria, estamos ante un autor singular, cun mundo narrativo propio, que deixou unha fonda pegada na literatura contemporánea.

A recompilación de contos que imos ler non está exenta de polémica. Parece ser que (como, por outra parte, ten acontecido en algúns outros casos na historia da literatura) na forma definitiva das historias tivo moito que ver unha man allea á do autor: neste caso, a do primeiro editor do libro, Gordon Lish, que fixo modificacións decisivas nos textos orixinais de Carver. A edición primitiva da obra, tal como foi concibida polo autor, foi recentemente publicada por Anagrama co título de Principiantes. O escritor italiano Alessandro Baricco foi un dos primeiros en chamar a atención sobre a intervención de Lish na configuración da obra. Non vos perdades o seu suxestivo artigo “O home que reescribía a Carver”, no que conta o proceso de investigación que o levou a facer ese descubrimento.

Se tedes curiosidade e queredes saber máis sobre a figura de Raymond Carver, botádelle unha ollada á entrevista que concedeu no ano 1983 á revista Paris Review, na que fala sobre a súa vida e a súa concepción do oficio literario.