A próxima escala na singradura
literaria do noso Nautilus será na obra do rianxeiro RafaelDieste Dos arquivos do trasno, todo un clásico da narrativa
galega do século XX.
Dieste foi o autor dunha obra
multiforme e complexa que abrangue tódolos xéneros literarios e fai
uso de dúas linguas de expresión. Como escritor en castelán
pertence á Xeración do 27, coa que comparte inquedanzas ideolóxicas
e estéticas. Como escritor en galego, inscríbese na chamada
Xeración do 25 (ou do 22, segundo outras nomenclaturas), xunto con
autores como Manoel Antonio (amigo e compinche de correrías
literarias), Amado Carballo, Blanco Amor ou Bouza Brey.
Dos arquivos do trasno é a súa
obra narrativa máis destacada en lingua galega. Trátase dunha
recompilación de relatos breves de temática variada precedidos dun
texto de estructura aforística no que o autor reflexiona sobre o
xénero do conto. Nesta obra Dieste explora algúns dos temas máis
característicos da literatura galega (a morte, a emigración, a
miseria...) empregando técnicas narrativas baseadas na oralidade e
na estilización dos materiais que configuran o texto literario. Con
Dos arquivos do trasno, publicado por vez primeira no 1926,
Dieste, como indica o crítico Rafael Conte, contribuíu
decisivamente a modernizar a prosa de ficción galega, apartándoa da
súa inclinación cara o costumbrismo ruralista.
O próximo mércores 16 de maio,
víspera do Día das Letras Galegas, o Club de Lectura Nautilus rende
homenaxe a unha das grandes figuras da nosa literatura.
No hay comentarios:
Publicar un comentario