Zarpa o Nautilus nunha nova
travesía, desta volta chea de novidades: nova tripulación, nova
estrutura, novos horarios.
A nosa primeira escala será un clásico
da literatura en lingua portuguesa: A miña planta de laranxa
lima, de José Mauro de Vasconcelos, un dos novelistas de maior
éxito e difusión da narrativa brasileira do século XX.
Conta a historia de Zezé, un neno que
medra na pobreza dos suburbios do Brasil máis marxinado. Hai moito
de novela social nesta obra, de reflexo realista dos sectores máis
desfavorecidos dunha sociedade en expansión. Pero tamén hai moito
de poesía, de algo que se asemella á visión integradora do
realismo máxico da narrativa hispanoamericana. De feito, hai quen
considera que A miña planta de laranxa lima é unha versión,
transladada a outro espazo e outro tempo, dunha historia, a de O
Principiño, de Saint-Exupéry, cargada de lirismo.
José Mauro de Vasconcelos elaborou
esta novela en tan só doce días, reflexando nela as súas vivencias
infantís nos barrios pobres de Río de Janeiro. A solidariedade cos
que menos teñen, o reflexo da dignidade dos desfavorecidos e o amor
á natureza, son tres aspectos da súa produción literaria que
poderemos apreciar nesta lectura.
O próximo xoves 13 de decembro ás
catro da tarde comeza a tempada de literatura e cine no I.E.S.
Fernando Blanco.
No hay comentarios:
Publicar un comentario