Durante o verán de 1990, o diario El
País publicou por entregas a curiosa historia dun extraterrestre
que deambula polas rúas da Barcelona preolímpica en busca dun
conxénere perdido. A narración, titulada Sin noticias de Gurb,
apareceu en forma de libro en 1991.
O seu autor, Eduardo Mendoza, é unha
das figuras máis relevantes da narrativa española contemporánea.
Saltou á fama en 1975 coa súa primeira novela, La verdad sobre
el caso Savolta, un retrato de complexa estrutura da burguesía
industrial da Barcelona de posguerra. Iniciou posteriormente unha
liña de literatura humorística que parodia o xénero da novela
policiaca cun conxunto de relatos sobre as peripecias dun detective
anónimo internado nun manicomio. A serie, que se iniciou en 1979 con
El misterio de la cripta embrujada, consta de catro novelas, a
última das cales, El enredo de la bolsa y la vida, se
publicou o pasado 2012. Unha das súas obras máis destacadas é La
ciudad de los prodigios, incursión de Mendoza no eido da novela
histórica, considerada por algúns como unha das mellores novelas
españolas do século XX. En 2010 obtivo o premio Planeta con Riña
de gatos. Madrid 1936.
Sin noticias de Gurb é unha
mostra moi representativa da vertente satírica da obra de Eduardo
Mendoza. Nela percíbese con claridade a tendencia de toda a súa
narrativa ao retrato costumbrista da realidade contemporánea, nesta
ocasión dándolle un xiro ao tópico do choque de culturas ao
mostrar a sociedade barcelonesa a través dos ollos dun
extraterrestre.
Lembrade: o xoves 7 de setembro,
durante o recreo, reunión do Club de lectura Nautilus para falar
desta divertida novela de Eduardo Mendoza
No hay comentarios:
Publicar un comentario